Ficha biblioteca

Nova As axudas da Xunta aos programas integrados de emprego favorecerán a empregabilidade de 5.800 persoas sen traballo cun investimento de case 12 M€
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación15/10/2024 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Emprego Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosCidadáns/ás, Desempregados/as, Entidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición Con estes apoios o Goberno galego potencia os proxectos que se caracterizan por usar novas tecnoloxías, os ligados ao tecido empresarial do territorio e os que inclúan medidas de conciliación da vida familiar e laboral
Detalles contido
As axudas da Xunta aos programas integrados de emprego favorecerán a empregabilidade de 5.800 persoas sen traballo cun investimento de case 12 M€ Con estes apoios o Goberno galego potencia os proxectos que se caracterizan por usar novas tecnoloxías, os ligados ao tecido empresarial do territorio e os que inclúan medidas de conciliación da vida familiar e laboral
14/10/2024|Xunta de Galicia
  • Estes apoios autonómicos permitirán desenvolver en total uns 58 proxectos, 33 en entidades sen ánimo de lucro e 25 en concellos tendo cada programa 100 participantes dos que polo menos o 35% deben acceder ao mercado laboral durante a súa execución 
  • As persoas beneficiarias destes programas reciben formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas
  • A provincia de Pontevedra contará con 25 programas integrados de emprego, a da Coruña con 24, a provincia de Ourense desenvolverá cinco iniciativas e a de Lugo catro

As axudas da Xunta de Galicia a programas integrados de emprego en entidades sen ánimo de lucro e concellos favorecerán as oportunidades laborais de 5.800 persoas desempregadas durante un período de 12 meses. Estas iniciativas contan cun investimento de axuda total de case 12 millóns de euros, tras ampliar en máis dun 15% a contía inicial destinada a estes apoios.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración resolveu recentemente a última convocatoria destas achegas coas que, trala suba da contía desta convocatoria, se desenvolverán 58 proxectos, 33 deles en entidades sen ánimo de lucro e 25 en concellos. Cada un deles contará con 100 persoas en paro, que deben constar inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego de Galicia e das que, como mínimo, deben ser inseridas no mercado laboral o 35% durante a execución do proxecto. O programa inclúe unha bolsa de 10 euros por día e demandante pola asistencia á formación, que subvenciona a Xunta.

Con estas achegas, o Goberno galego prima, entre outros, os proxectos innovadores en relación co perfil dos colectivos aos que se dirixan e os que se caractericen pola utilización de novas tecnoloxías ou pola existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Tamén valora a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio onde se levará a cabo o programa co fin de mellorar a ocupación da cidadanía galega.

Todas elas recibirán formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas (teñen que realizar estas prácticas un mínimo de 15 persoas) en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas e co fin de incrementar a súa inserción laboral. Durante todo o proceso, o alumnado recibe orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para o efecto. Tamén se lles proporciona técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Ademais, o Goberno galego asume os custos salariais e de Seguridade Social do persoal necesario para levar a cabo as accións do programa -tanto persoal propio da entidade como o que contrate especificamente para a execución do programa- así como as axudas de custo e desprazamento dese persoal, e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros.

Por provincias

Na provincia de Pontevedra aprobáronse 25 proxectos por valor de máis de 5,4 millóns de euros e que formarán a 2.500 persoas sen emprego. Na da Coruña concedeuse axuda a 24 programas aos que se destinan algo máis de 4,6 millóns de euros de apoio para capacitar a 2.400 persoas desempregadas. En relación coa provincia de Ourense, hai cinco iniciativas beneficiadas cunha achega total de máis dun millón de euros e que favorecerán as oportunidades laborais de 500 persoas sen traballo e na de Lugo aprobáronse catro programas integrados de emprego por valor total de axuda de 880.000 euros e que formarán a 400 persoas desempregadas.

Colectivos prioritarios

A Xunta trata como colectivos prioritarios a atender por medio dos programas integrados de emprego as persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por motivo de arraigamento para a formación, persoas menores de 30 anos cualificadas, persoas maiores de 45 anos, persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores, persoas desempregadas de longa duración, persoas inmigrantes e mulleres.

Ademais, como en anteriores convocatorias, resérvanse dous millóns de euros do global do presuposto para o financiamento de programas dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas, co obxecto de que reciban atención específica para a súa incorporación ao mercado laboral.

Mellora da cualificación profesional

Esta actuación enmárcase no Plan galego de formación para o emprego ao que o Goberno autonómico destina este ano 117 millóns de euros. Con esta ferramenta, o Executivo galego busca mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas e desempregadas, a competitividade das empresas e as oportunidades en Galicia. Entre os anos 2009 e 2023 máis de 55.000 persoas participaron en programas integrados de emprego, nos que a Xunta investiu máis de 100 millóns de euros.

 

 
Temas:Administración local, Emprego
Colectivos:Cidadáns/ás, Desempregados/as, Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido