— As administracións deben ofrecerlle á cidadanía as ferramentas necesarias que faciliten a transición enerxética
O Consello da Xunta acordou pór en marcha unha nova convocatoria de axudas para reducir a factura eléctrica dos concellos e impulsar a constitución de comunidades enerxéticas por un importe de case un millón de euros.
O obxectivo destes apoios é aumentar a eficiencia enerxética; reducir a factura eléctrica dos concellos e das comunidades enerxéticas; promocionar o asociacionismo e o dinamismo para avanzar cara á descarbonización da economía; e utilizar a enerxía como panca para impulsar a economía e xerar actividade e emprego diminuíndo a dependencia enerxética dos combustibles fósiles.
A transición enerxética cara a un modelo descarbonizado e dixitalizado precisa dunha maior presenza de renovables no mix enerxético, así como unha maior aposta pola autosuficiencia e o aforro enerxético, e nestes obxectivos as administracións deben ofrecerlle á cidadanía as ferramentas necesarias, a través dunha tramitación rigorosa e da implantación de axudas, que faciliten a transición.
Esta nova convocatoria dá continuidade ás dúas anteriores, nas cales se concedeu un total de 86 axudas por importe de 1,18 M€. En concreto, 25 correspondéronse coa liña de planificación enerxética das entidades locais e 61 para a liña de planificación enerxética de comunidades enerxéticas.
Nova convocatoria de planificación enerxética 2025
A nova convocatoria de axudas ten un orzamento de 800.000 euros, 400.000 euros para cada unha das liñas de apoio. No que respecta á planificación enerxética de concellos, búscase que as entidades locais teñan un papel protagonista no proceso de transición, apoiando a contratación de servizos xurídicos ou técnicos precisos para elaborar un estudo estratéxico e promover a contratación centralizada.
A intensidade da axuda depende do número de concellos que se agrupen na solicitude e vai do 30 ao 70 %, cun 20 % adicional se se trata de concellos de menos de 5.000 habitantes e/ou un 10 % para concellos fusionados ou se son emprendedores. Será dun máximo de 15.000 euros por concello e, no caso de entidades locais que representen a varios municipios, o máximo será de 150.000 euros.
En canto á planificación de comunidades enerxéticas, cóbrense os custos da contratación dos servizos de asistencia para definir as infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación de estatutos, pois tamén se poden presentar solicitudes previas á constitución destes entes. Neste caso, a intensidade será do 80 %, cun máximo de 15.000 euros