Ficha biblioteca

Nova A Xunta amplía ata case 12 M€ as axudas dos programas integrados de emprego para favorecer as oportunidades laborais pegadas ao territorio
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación29/10/2024 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Economía, empresa e emprego Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosAsociacións e ONGs, Entidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que incrementa en máis de 1,7 M€ o crédito da última convocatoria destas achegas, o que supón unha suba superior ao 15% e que impulsará as oportunidades laborais dunhas 5.800 persoas desempregadas
Detalles contido
A Xunta amplía ata case 12 M€ as axudas dos programas integrados de emprego para favorecer as oportunidades laborais pegadas ao territorio O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que incrementa en máis de 1,7 M€ o crédito da última convocatoria destas achegas, o que supón unha suba superior ao 15% e que impulsará as oportunidades laborais dunhas 5.800 persoas desempregadas
29/10/2024|Xunta de Galicia
  • Estes apoios autonómicos permitirán desenvolver en total uns 58 proxectos, 33 en entidades sen ánimo de lucro e 25 en concellos tendo cada programa 100 participantes dos que polo menos o 35% deben acceder ao mercado laboral durante a súa execución
  • As persoas beneficiarias destes programas reciben formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas
  • O Goberno galego tamén quere potenciar iniciativas innovadoras que favorezan a conciliación para mellorar a ocupación da cidadanía galega

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que incrementa en máis de 1,7 millóns de euros a última convocatoria de axudas destinadas á realización de programas integrados de emprego en entidades sen ánimo de lucro e concellos cos que se melloran as oportunidades laborais das persoas sen emprego. Así, a Xunta aumenta máis dun 15% estes apoios aos que destinará en total case 12 millóns. A previsión é beneficiar agora unhas 5.800 desempregados durante un período de 12 meses.

Nesta convocatoria o Goberno galego prima, entre outros, os proxectos innovadores en relación co perfil dos colectivos aos que se dirixan e os que se caractericen pola utilización de novas tecnoloxías ou pola existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Tamén se valorará a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio onde se levará a cabo o programa co fin de mellorar a ocupación da cidadanía galega.

As persoas beneficiarias recibirán formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas (teñen que realizar estas prácticas un mínimo de 15 persoas) en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas e co fin de incrementar a súa inserción laboral.

Durante todo o proceso formativo, o alumnado recibe orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para o efecto. Tamén se lles proporcionan técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

En total prevese desenvolver 58 proxectos, 33 deles en entidades sen ánimo de lucro e 25 en concellos. Cada un deles contará con 100 persoas en paro, que deben constar inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego de Galicia e das que, como mínimo, deben ser inseridas no mercado laboral o 35% durante a execución do proxecto. O programa inclúe unha bolsa de 10 euros por día e demandante pola asistencia á formación, que subvenciona a Xunta.

Ademais, o Goberno galego asume os custos salariais e de Seguridad Social do persoal necesario para levar a cabo as accións do programa -tanto persoal da entidade como o que contrate especificamente para a execución do programa- así como as axudas de custo e desprazamento dese persoal, e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros.

Colectivos prioritarios

A Xunta trata como colectivos prioritarios a atender por medio dos programas integrados de emprego as persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por motivo de arraigamento para a formación, persoas menores de 30 anos cualificadas, persoas maiores de 45 anos, persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores, persoas desempregadas de longa duración, persoas inmigrantes e mulleres.

Ademais, como en anos anteriores, resérvanse 2 millóns de euros do global do presuposto para o financiamento de programas dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas, co obxecto de que reciban atención específica para a súa inserción laboral.

 

Temas:Administración local, Economía, empresa e emprego
Colectivos:Asociacións e ONGs, Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido