Ficha biblioteca

Nova O Orzamento 2025 da Deputación da Coruña supera os 240 millóns e contempla un investimento récord nos concellos
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación06/11/2024 FonteDeputación da Coruña
Taxonomía
TemasAdministración pública, Administración local, Economía galega Tipo de contidoNovas ColectivosCidadáns/ás, Entidades locais OrganizaciónsDeputación de A Coruña Ámbitos xeográficosA Coruña
Descrición O 44% do orzamento inicial, máis de 105 millóns, irán directos aos concellos a través do Plan Único, que sobe en 2025 un 72% ata os 86 millóns de euros, e o anticipo das liñas de subvencións, que suman 19,4 millóns
Detalles contido
O Orzamento 2025 da Deputación da Coruña supera os 240 millóns e contempla un investimento récord nos concellos O 44% do orzamento inicial, máis de 105 millóns, irán directos aos concellos a través do Plan Único, que sobe en 2025 un 72% ata os 86 millóns de euros, e o anticipo das liñas de subvencións, que suman 19,4 millóns
06/11/2024|Deputación da Coruña
  • Formoso presentou na Comisión de Economía do Parlamento as liñas principais do orzamentos da Deputación e incidiu no grave problema que supón para concellos e deputacións "ter que seguir asumindo competencias de titularidade autonómica sen que a Xunta de Galicia as dote do financiamento axeitado"
  • Benestar social, creación de emprego e dinamización do rural seguirán sendo eixos estratéxicos da acción do goberno provincial

O orzamento da Deputación da Coruña para 2025 ascenderá a 240.500.200 € e será o maior o da historia da institución provincial, cun incremento do 8,26% con respecto ao presente exercicio.

O orzamento suporá tamén un investimento récord nos municipios da provincia, xa que un total de 105.399.793 euros (o 44% do total) serán transferencias directas aos concellos a través do Plan único, o maior plan de cooperación municipal das deputacións galegas, que o vindeiro ano incrementa o seu orzamento nun 72%, pasando de 50 a 86 millóns de euros de dotación inicial, e o anticipo das convocatorias de subvencións dirixidas aos concellos coruñeses, que suman 19,4 millóns de euros e suporán a creación de 1.600 empregos para mellorar os servizos que prestan os municipios.

Así o adiantou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, na súa comparecencia ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, na que presentou as principais liñas dos orzamentos da institución provincial coruñesa 2025. "Uns orzamentos que destinaremos prioritariamente aos obxectivos que nos marcamos como estratéxicos para este mandato: a asistencia os concellos da provincia, o benestar social, a cohesión territorial e loita contra o despoboamento no rural, a xeración de emprego e fomento da actividade económica e dos sectores produtivos, a innovación e a transición ecolóxica", apuntou.

Neste sentido, o Plan único (POS+2025) será o principal protagonista do orzamento, con 86 millóns de euros de orzamento inicial destinados integramente aos concellos, un 72% máis que en 2024. "Os concellos coruñeses reciben hoxe entre 4 e 5 veces máis fondos que nos mandatos anteriores. Co Plan único levamos máis de 576 millóns investidos e 4.113 obras aprobadas nos 93 municipios coruñeses. Isto converte á Deputación da Coruña no principal axente inversor no rural da provincia da Coruña", destacou o presidente da Deputación.

A Deputación reforza a súa aposta social en 2025

A aposta social será outra das áreas prioritarias da Deputación da Coruña en 2025. Por este motivo, no Orzamento de 2025 o gasto social alcanzará os 32.860.688 euros, preto do 14% total. No seu conxunto, os programas sociais da Deputación experimentan o vindeiro ano un crecemento do 6,72%.

Unha parte importante deste incremento orzamentario irá destinado á suba da achega para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que a Deputación elevou de 12 a 14 euros a hora, atendendo así unha das demandas das traballadoras do servizo e dos concellos, que teñen que asumir boa parte dos custes deste servizo con fondos propios, o que lles supón unha importante carga económica, xa que o custe actual está entre os 22 e os 24 euros/hora.

O programa de servizos sociais da Deputación para os municipios, dotado con 9,1 millóns de euros, permitirá o financiamento de preto de 400.000 horas de servizo de axuda no fogar e a contratación de 178 profesionais especialistas do eido social nos concellos coruñeses.

Como novidades para este ano na área social destacan o inicio do proxecto para a implantación dun novo modelo de residencias públicas para maiores no rural, baseadas na proximidade, a atención personalizada, a innovación e a convivencia interxeracional, que contará con centros piloto nas Pontes, Ordes e Rianxo e un novo programa de envellecemento e loita contra a soidade non desexada dos maiores destinada a concellos de menos de 5.000 habitantes.

PEL, o maior plan de emprego dunha administración local en Galicia

No eido do emprego, o Plan de Emprego Local (PEL) incrementa de novo a súa partida nun 1,78%, pasando dos 15.9 a 16,2 millóns de euros de orzamento en 2025.

Formoso lembrou que, entre 2016 e 2024, a Deputación da Coruña destinou máis de 140 millóns de euros á creación de empresas e fomento do emprego, apoiado a 2.980 empresas e 4.159 autónomos e creando 7.196 empregos no sector público e privado a través das principais liñas do PEL.

"O PEL non só impulsa a creación de emprego, senón que ademais aposta firmemente polo emprendemento, a innovación e o apoio ás pequenas e medianas empresas", afirmou Formoso, que lembrou que a Deputación da Coruña destina preto de 5 millóns de euros en dúas liñas de apoio a autónomos, que este ano rexistraron máis de 6.000 solicitudes.

CEI, unha aposta estratéxica polo sector audiovisual

Valentín González Formoso anunciou tamén que o vindeiro 2025 comezará a funcionar Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, dotado cunha tecnoloxía pioneira a nivel mundial.

Unha infraestrutura que a Deputación da Coruña está construíndo actualmente na cidade das TIC da Coruña cun investimento de 9,5 millóns de euros cofinanciado con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e co que "pretendemos posicionar á provincia da Coruña como Hub Audiovisual de referencia Europa", apuntou Formoso, que incidiu na puxanza do sector audiovisual galego, que xera 4.500 empregos e supón xa o 28% da industria cultural da nosa comunidade, ademais de supor unha importante proxección exterior de Galicia

Ademais dos programas de apoio aos concellos, o fomento dos sectores produtivos e o emprego suman 30.245.500€ no Orzamento 2025, as infraestruturas viarias, 24.532.955€, educación e o deporte 20.927.290€, cultura e lingua 13.042.900€, e medio ambiente e emerxencias o 7.877.062,78€.

 

Temas:Administración pública, Administración local, Economía galega
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais
Organizacións:Deputación de A Coruña
Ámbitos xeográficos:A Coruña
Valorar:
Compartir contido