- Valentín García destaca a importancia da colaboración de toda a sociedade para recompilar a maior cantidade de horas de gravado
- Esta segunda fase de captación impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Universidade de Santiago visitará tamén a feira Culturgal e a localidade de Baiona
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, achegouse hoxe a Estrada para acompañar á veciñanza na xornada de captación de voces no marco do Proxecto Nós levada a cabo pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Universidade de Santiago, para fomentar o uso do galego en espazos dixitais. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do Proxecto Nós que ten por obxectivo recoller as diferentes variedades fonéticas e dialectais de Galicia.
Durante a súa visita, o representante da Xunta amosou a súa satisfacción ante a gran participación nesta actividade e destacou “a importancia da colaboración de toda a sociedade para recoller a maior cantidade de horas gravadas e actualizar os recursos que van permitir interactuar na nosa lingua nas plataformas tecnolóxicas”. Para iso, incidiu, “son esenciais campañas como esta coa que pretendemos recompilar a fala de distintos lugares e de persoas de diferentes idades, garantindo así que as ferramentas do proxecto funcionen ben”.
En liña con este tema, salientou o compromiso do Goberno autonómico por impulsar e prestixiar o uso do galego, como así se reflicte no traballo que se está levando a cabo nos últimos semanas ao abeiro do Pacto pola lingua e coa presentación de novas medidas como os máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas nacidas fóra da Comunidade.
Campaña de recollida de voz
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a desenvolver a segunda fase da campaña de recollida de voz cun calendario que chegará ata 16 concellos de diferentes comarcas de Galicia, onde a localidade de Baiona será a última cita deste ano. Ademais, contará cun espazo na 17ª edición da feira Culturgal que terá lugar entre os días 29 de novembro e o 1 de decembro. Deste xeito, o proxecto habilita diversas aulas CEMIT (habilitadas pola Xunta con ordenadores e internet para uso da cidadanía) para facilitar a recollida das mostras vocais. Para aqueles que queiran participar, tamén poderán facelo telematicamente a través do portal Doa a túa voz.
Ferramentas desenvolvidas
Na web do Proxecto Nós xa se pode experimentar de maneira libre con tres aplicacións baseadas en redes neuronais artificiais desenvolvidas en fase de demostración: unha ferramenta que permite a conversión de texto a voz, o primeiro tradutor neuronal feito en Galicia e un sistema de recoñecemento da fala.
é para este último recurso, que permitirá que calquera máquina recoñeza a voz dunha persoa cando se dirixa oralmente a ela en galego, polo que se pon en marcha esta campaña hoxe presentada. Deste xeito, a plataforma Common Voice, a través da que se desenvolve a iniciativa da recollida de voces, que precisan ser lidas, co obxectivo de acadar as 1.000 horas de gravación.