A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 387.600 euros a impulsar a contratación de 36 axentes de emprego e desenvolvemento local noutros tantos concellos lucenses.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a Xunta acaba de resolver a convocatoria de axudas deste ano para que as entidades locais galegas conten con este persoal.
Estes axentes teñen como funcións principais detectar oportunidades de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego, identificar novas actividades económicas e posibles persoas emprendedoras, levar a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego ou apoiar ás persoas promotoras das empresas, acompañándoas tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento.
En canto á distribución por comarcas, na Mariña estes incentivos benefician á Pontenova, Ourol, Ribadeo, O Vicedo, Mondoñedo, Xove, Cervo e Foz. Na Zona Sur chegan a Ribas de Sil, Bóveda, Chantada, Taboada, Carballedo, Sober e Monforte de Lemos.
Na Terra Chá e Meira concedéronse a Cospeito, Vilalba, Begonte A Pastoriza, Ribeira de Piquín e Riotorto. En canto aos concellos da Montaña, a Xunta financia contratacións nas Nogais, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, A Fonsagrada e Baralla. Nas comarcas de Lugo e Sarria, os beneficiarios son Outeiro de Rei, O Corgo, Guntín e Portomarín -no caso da primeira – así como O Páramo, Samos, O Incio e Triacastela – na segunda-. Tamén obtén unha axuda Palas de Rei.
O obxectivo desta medida é contribuír á dinamización da economía local e á xeración de novas actividades no ámbito local e rural, contribuíndo a fixar poboación. Así mesmo, tamén se potencia a Rede de Técnicos de Emprego de Galicia para fomentar o emprego e o emprendemento.