O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde pola que se establecen as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC). Un total de 87 municipios resultaron beneficiarios da medida, á que o Goberno galego destina máis de 400.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027,
Segundo a resolución publicada, cédense 28 kits de material loxístico de seguridade viaria a nove concellos da Coruña, catro de Lugo, oito de Ourense e sete de Pontevedra; e outros tantos kits de ferramentas eléctricas a nove municipios da Coruña, dous de Lugo, oito de Ourense e nove de Pontevedra. A maiores, distribuiranse remolques a catro concellos de Lugo, cinco de Ourense e 1 de Pontevedra. Completan o material cedido 21 tendas de campaña para atención ás emerxencias, das que seis irán para A Coruña, dúas para Lugo, oito para Ourense e cinco para Pontevedra.
Deste xeito, na provincia da Coruña repártanse 24 unidades de material, cun investimento de case 76.000 euros, na de Lugo 12 unidades que suman preto de 97.000 euros, na de Ourense 29 unidades presupostadas en máis de 163.000 euros e na de Pontevedra 22 unidades que superan os 81.000 euros.
As entidades locais beneficiarias ás que, a través desta resolución, se lles concede o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción da comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión do material será de tres meses desde a súa recepción.
Apoio aos servizos de emerxencias locais
A orde de equipamento forma parte das actuacións da Xunta dirixidas a dotar do material necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, de maneira que poidan levar a cabo a súa actividade con eficacia e seguridade.
Pese a que os servizos de emerxencias son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-, nos últimos anos o Goberno galego leva investidos máis de 27 millóns de euros en equipamento aos servizos de emerxencias da comunidade como estas AVPC ou os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).
No caso das AVPC, esta orde complementa a outra anual de 340.000 euros que se destina a sufragar os seus gastos de funcionamento e da que xa se publicou a resolución con case 200 colectivos beneficiarios.