A planta local galega: Impulso dos procesos de fusión municipal
O mapa político-administrativo local de Galicia data de comezos do século XIX e na actualidade semella pouco axeitado para dar resposta aos cambios experimentados desde aquela. Por un lado, produciuse un proceso de urbanización que concentrou a poboación e a actividade económica nas cidades e nas áreas periurbanas. Por outro, o rural iniciou unha etapa de declive demográfico acusado, caracterizado polo avellentamento e o despoboamento, que xerou nestes territorios dificultades para a cobertura e a prestación de servizos por parte da Administración local, motivadas polo deficiente financiamento que deriva desa perda de poboación e da falta de desenvolvemento no territorio de actividades económicas, residenciais, ou de calquera outra iniciativa xeradora de taxas e impostos.
Aínda que a situación económica da Comunidade é satisfactoria en termos xerais, resulta indubidable que a división municipal herdada quedou obsoleta. Nin serve para corrixir o despoboamento de amplas áreas do interior, nin dá resposta aos novos retos da urbanización. Así, a inexistencia de economías de escala na meirande parte do territorio invita a repensar o modelo de planta municipal nun contexto no que máis de 250 concellos dos 313 de Galicia están por debaixo dos 10 000 habitantes.
Por outra banda, a configuración do territorio galego, co seu elevado índice de dispersión —que recolle a metade das entidades singulares existentes en todo o Estado—, e a convivencia de figuras como as entidades menores, mancomunidades, áreas metropolitanas, parroquias e comarcas, entre outras, funcionan como un enmarañado complexo e desordenado que, entre outras cuestións, ten contribuído á xeración de identidades que marcan a cultura e a idiosincrasia da Galicia contemporánea.
Nesta realidade complexa é na que se enmarca este traballo técnico e académico que foi desenvolto por persoal docente e investigador das tres universidades galegas baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega, en virtude dun convenio de colaboración asinado coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia. Nel faise unha completa análise do mapa municipal galego estruturado en seis capítulos máis un capítulo final con propostas para incentivar os procesos de agrupación ou agregación municipal.